A marca «pescadeRías ¿de ónde se non?» é un selo de identidade para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal cuxa sona de variedade e calidade traspasan as nosas fronteiras.
Orixe da marca: Esta marca xurde dende a Consellería do Mar da Xunta de Galicia no ano 2008 coa idea de que os produtos do mar procedentes da frota artesanal poidan ser claramente diferenciados, dentro da variada oferta que presenta un mercado cada vez mais globalizado e cunha ampla variedade de produtos.
Vantaxes para o consumidor: os produtos pesqueiros ao levar un distintivo, poden ser distinguidos con facilidade no mercado co que se atopa o consumidor a cotío. Estes produtos etiquetados son para vostede un garante de frescura e calidade, de respecto ao medio ambiente e de aplicación dunhas prácticas hixiénicas e de manipulación adecuadas por parte das empresas que os puxeron no mercado.
Vantaxes para as empresas: a marca é unha ferramenta que se pon a disposición do propio sector pesqueiro para poder diferenciar a frescura e calidade do seu produto nun mercado actual competitivo e, para ademais, poder facer publicidade do seu bo facer no traballo que é o mellor aval para a continuidade e futuro da súa actividade.
Documentación relacionada: Todas as condicións que debe cumprir un produto marca «pescadeRías ¿de ónde se non?», así como as empresas que o comercialicen, dende a extracción ata a posta no mercado polo miúdo están establecidas na Orde de 7 de febreiro de 2008 e explicadas na Guía metodolóxica para a implantación da marca de calidade «pescadeRías ¿de onde se non?».

